Thursday 19 de September de 2024

Feijóo destaca o peso do turismo na recuperación económica da comunidade con preto de 860.000 viaxeiros neste cuadrimestre, “o mellor desde que empezou a crise”


Afirma que as 274 Q de calidade coas que conta a Comunidade – a segunda Autonomía con máis Q- constatan a excelencia do sector turístico galego

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o peso do turismo na recuperación económica da Comunidade, con preto de 860.000 viaxeiros nos establecementos hoteleiros neste primeiro cuadrimestre, un 7,3% máis que no mesmo período de 2015. “Estamos a falar do mellor cuadrimestre desde que empezou a crise, cun número de pernoitas que ascendeu a 1,5 millóns, e nos tres sectores de demanda: tanto na demanda interna, que medra un 3,6%, como na demanda nacional (10,2%) e internacional (que medra un 4,3 %)”, dixo, subliñando tamén que de cada dez euros da economía galega un provén do turismo.

Durante o acto de recoñecemento coa Q de Calidade Turística Galicia 2015, Feijóo afirmou que as 274 Q de calidade coas que conta a Comunidade – a segunda Autonomía con máis Q- constatan a excelencia do sector turístico galego e debuxa unha progresión que hai apenas unha década era difícil de imaxinar. Non en van, se en 2004 apenas había 16 empresas certificadas, hoxe esta cifra chega ás 274 Q, liderando o número de Q en infraestruturas como os hoteis, os apartamentos turísticos, as casas de turismo rural, os balnearios ou as instalacións náuticas.

“Hoxe celebramos o incremento do número de empresas certificadas, con 6 máis este ano, pero, sobre todo, celebramos o traballo a longo prazo”, abundou, incidindo en que a marca Q de calidade significa prestixio, diferenciación, fiabilidade, rigorosidade e promoción.

Con este obxectivo, o titular da Xunta destacou tamén o traballo de Turismo de Galicia e do Clúster de Turismo de Galicia que levan poñendo todos os seus esforzos durante estes anos, a través de numerosas iniciativas conxuntas a prol da excelencia.

Nesta liña, lembrou que a aposta pola calidade representa un consenso de todos os axentes implicados e por iso se recolle no Plan integral de turismo de Galicia 2014-2016 como un dos piares básicos sobre os que se debe sustentar “o edificio turístico industrial de Galicia”.

Así está a acontecer en diferentes ámbitos, entre os que destacan a introdución das tecnoloxías e o fomento da excelencia no termalismo, na enogastronomía, nas festas gastronómicas, coas rutas do viño de Galicia á cabeza, no turismo rural ou no turismo náutico, onde a Comunidade galega lidera a clasificación nacional de bandeiras azuis.